miércoles, 27 de noviembre de 2013

Álvaro Pino







- Tes que ir collendo nelas así, a eito.

   Se te chamas Alvaro Pino e adoeces pola bici  ós quince anos tes sinalado con fío o tempo do vran. Unha meta voante. Xa me entendedes. A miña Orbea de segunda man alumaba de anos a esta parte. Ou eran as miñas pernas as que parecían vimbias e pesaban menos que a raia do horizonte.

   O meu pai comíame a figura. Ainda que foi él o da idea de mercar unha nova a falta de pouco para voltar ós libros. Levoume primeiro a Melo e Sertucha e despóis a Bicis Paco. De remate fomos caer nas casas vellas do Burgo onde nos foi adxudicada unha das millores bicis de aluminio que se vira por Tabeaio e comarca.  Mais ía sobrado de razón. Ben se vía que non estaba ó que había que estar. Chegaba setembro e con el o derrame coa ronda veciñal da recolleita.

- Hoxe hai qu'ir á da Fonte.
- Mecá... cinco ferrados.
- Xa estamos. Pero despóis ben que che gustan no prato.

Aquel día tocaba na nosa. O Pol  toleaba cos veciños. Ladraba coma se nunca tal vira. . Eu colléralle teima polo do outro vran. O que nos fixera ó Tino e a min. ¿Non vai o papón e se nos mete diante da moto? Xa mo dixeran. Pero ata ese dia no lle vira xeito: o que vai de paquete leva a peor parte. Mira. Os xeonllos e os cóbados desfeitiños. Parcheado para a vida. Dende aquela a miña nai tiñao atado día e noite.
Nas tardes que tocaba ir ás patacas a min fervíame. Sempre se me facía moito. Por riba este ano meus pais plantaran para darlle de comer a un exército. Quedara co Xaquin de ir para alá do Mesón que seique abriran unha pisciña nova.

Diran as tres e media e a besta non chegara. Xa tería feito a bomba un cento de veces, e afogado ó Xaquín outro cento. Ó fin viñeron coa besta. O batallón de mulleres dispersouse. Todas elas cos cestos no gancho do brazo. Como dirixidas por unha torre de control ocupaban os regos sen abandoar a leria. Cunha disciplina de zoqueiro. Cada unha sabendo o longo esacto de rego que lle correspondía e vixiándo de reollo o que facía a veciña da dereita.
Tiven sorte.Tocoume chama-la besta. Pero non librei de baixalos sacos. Millor dito de subilos primeiro ó carro e despóis baixalos para uns días despóis escollelas con tempo. Pero por hoxe xa valía.

- Ónde vas?
- Marcho
- Come algo
- Vou onda o Xaquín

Para coller a bici tiña que pasar polo curro do Pol e ó pasar poñíame perdido de cuspe.
Zosqueille. Dinlle ben dado ata que recuou. Xemía, o condenado. Metía o rabo no medio das pernas. Cando din entrado a pouco afuciño. Co cambio de luz na bodega o aire escuro levoume. Menos mal que sabía onde bota-la man. Collín a bici voado e saín cos ollos cheos de charamuscas. Ó sair o Pol veuse outra vez contra min veña a querereme montar. Xa non o atendín. Enfilei cara Carral. Subín. Carguei o pedal e arranquei a medio pistón. Ós cinco metros fixo un estrano. Aquela cadea engrasada hai tres días con aceite de automoción quitábase de cotío. O golpe que sentín na perna obrigoume a baixar algúns santos. Pero non parei. Estaba tan doente que decidín que ou enganchaba ou tronzaba. Enganchou e saín coma un misil frente a Carral. Cun poco de sorte o Xaquín aínda non marchara. O Xaquín vivía no Pincho. Parei. Saiu unha das irmans. Non sei cal delas. Para min eran todas por un igual e nunca as cheguei a distinguir moi ben. Patricia, Cristina e Sandra. Os nomes sí. Pero se tivera que poñerlles cara pasaría a vergoña da miña vida. Nunca llo cheguei a contar ó Xaquín. Supoño que se lé isto o  Xaquín halle vi-la risa ou, se cadra, cágase na leite que mamei. O caso é que saíu unha delas e dixo que o Xaquín xa marchara había eso de media hora. Que deixara recado de que se viña eu que me esperaba na fonte de Herves. Eu ben sabía o que iso era. Cando cheguei alí vin o Xaquín afumando coma o balde dun ferreiro.

- ¿Queres?
- Sí. Trae.
- ¿Onde te metiches? Xa levo dúas pallas
- Lavaría-las mans, porca.
- Lavei. O que pas que sen xabrón... Mira. Ainda ulen un chisquiño
- ¡Saca, prea!

O xaquín ría que se mataba. Ría que era moito rir. Tiña unha desas risas que prenden coma o buxo e non paran ata que te mergullas nela.
Partimos pola costa arriba co miolo fixo nun só obxetivo. Eu ía máis lixeiro que o Xaquín. Ó fubol metíame malleira tras malleira. Na bici era outra cousa. Entre o mantido que estaba e o lacazán que era sempre tiña que esperar por él.

- Veña. Que vai estar pechado cando demos chegado.

Empezóu o chan e xa se vía o home con máis alivio. Ben pasado o Mesón había que coller a esquerda e ós poucos metros vimos o cartel. "Pisciña privada" ¿Privada? Iso xa non me gustou. Resultou ser de pago. Mala chispa os aplane. Viramos sin convir nada porque estaba todo moi claro. No fondo daba igual porque eu co Xaquín a queimar kilómetros enriba da miña avioneta café con leite metalizada era o rapaz máis feliz do mundo. Voltamos por onde foramos. O coronar Carral de volta o Xaquín xa se vía para outra cousa. Baixando a Costa do Pincho o Xaquín desviou sen parar.

-Abur.

Eu seguín. Aínda faltaba a costa de Tabeaio, a máis dificil, por se-la última antes de doblar o alpendre que agochaba a miña casa.

Distinguín ó meu pai. Esquerquenado. Nesto vai e mira cara onde veño. Foi todo un: mirarme a min, ve-lo Pol collido ó peso, a cadea morta polo chan, e os ollos do meu pai a cada paso máis pequerrechos ata quedarlle, xúrovolo, coma dúas costuras de multiplicar no medio e medio das cuncas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores

Estadísticas